mércores, 25 de setembro de 2013

Os rabirrubios da Pena de Augas

Quizáis ata agora nunca vos falei deles, pero teño uns veciños moi especiais. Trátase dunha parella de rabirrubios (colirrojo tizón, Phoenicurus ochruros) que estableceu o seu territorio e lugar de cría no noso barrio.

Este ano sacaron adiante a tres polos en distintas niñadas. No inverno vinos sortear as inclemencias do tempo. Axudeinos, na medida das miñas posibilidades, con aportes diarios e variados no comedeiro para sortear escasez de comida provocada polas continuas chuvias, sobre todo nos meses da primaveira que foron especialmente duros para as primeiras niñadas dos paxaros de pequeno tamaño.

Abraioume o forte carácter da femia cando un pardal (gorrión común) ou un ferreiriño grande (carbonero común) competía con ela pola comida do comedeiro, botándoos con indignación: 


A miña veciña, sempre pendente do que acontece ó seu arredor

Namoraronme as chamadas entre a parella, a súa complicidade no momento de preparar o niño, os coidados do macho á femia choca, ou cando tocaba cebar as crías...

Sufrín xunto cos pais cando chegaba o momento de que os pitos saíran do niño, de facer as primeiras prácticas de voo. Cando un gato se acercaba perigosamente ás súas ruinas, feitas fogar, sentíndose atraído polos reclamos da cría axexándoa, buscando o mínimo despiste pra atrapala... Ou cando as pegas (urracas, Pica pica) acosabanos sen descanso, ás veces durante un día enteiro, tentando roubarlle-lo pitiño inda torpón... Non deixo de louvar cómo estes pais os defendían, poñendo en moitas ocasións a súa vida en perigo con tal de salva-la do seu pitiño...

E unha vez o pitiño voaba con confianza, rompía definitivamente os lazos cos seus pais e lanzábase cara a súa aventura:


Un dos pitiños desta tempada,
atusándose a plumaxe dende a súa atalaia

A parella, despois de varias niñadas, preparouse pra un merecido descanso alonxandose do seu lugar de cría e adentrándose no interior ó mellor na busca de reservas po outono, ou migrando brevemente cara zonas máis costeiras, coma se dun breve periodo vacacional se tratara. O desgaste, despois da tempada de cría, foi evidente:


O macho a piques de remata-lo verán, en pleno cambio de plumaxe,
e cun pito volantón ó seu coidado

Pero de cando en cando volven por estes lares reclamando o seu territorio, coma se quixesen comprobar que todo segue como o deixaron. Nunca marchan moi lonxe nin por moito tempo:


O macho xa de volta, facendo custodia do seu territorio,
cas pilas ben cargadas

A miña homenaxe a esta briosa parella, ca que un ano máis compartín estas entrañables vivencias. Agardo que así sexa por moitos anos máis!

2 comentarios: