martes, 25 de febreiro de 2014

A elegancia dunha garza real



De apariencia elegante, tanto en voo coma cando axexa ás súas presas. Con eses ollos amarelos impactantes, acompañados do forte bico tamén amarelo en forma de daga ou arpón implacable, co que atravesa ás súas presas:


Adulto de garza real ó resgardo do vento na beira dun río

Pode semellar menos elegante cando escoitamos o seu potente graznido, que avisa da súa incomodidade se se sinte molesta, ou da súa presenza cando volta cara o durmidoiro ou pousadoiro habitual.

En Galicia soen distinguirse polo solitarias que son. Poden verse case en calquera lugar asolagado tanto ó longo da costa, coma no interior en ríos, encoros e brañas. Ás veces forman pequenas colonias a modo de durmidoiros cando se achega a noite, ou pra facer lugares de cría buscando a protección do grupo:


Unha chalupa é o lugar axeitado pra botar unha siesta, a soas
e mecida pola marea...

Unha inxusta mala fama tamén se fai con elas. De un tempo a esta parte son máis comúns e doadas de ver ca antes. Algúns pescadores míranas con recelo, e ata piden controis de poboación. Cúlpanas de acabar ca pesca nos ríos e na costa (culpabilidade que comparten cos corvos mariños e lontras...), e non haberá imputación máis inxusta, pois as garzas son moi oportunistas e alimentanse tanto de pequenos coma de grandes peixes, insectos, anfibios,... 

A pesca esgotase pola sobreexplotación eléctrica dos nosos ríos: encoros e minicentrais quebran case a totalidade dos nosos ríos e regatos, destruíndo o hábitat das especies fluviais. Tamén a contaminación, a fauna exótica invasora, a ineficaz xestión da pesca fluvial por parte das administracións e o sempre presente furtivismo, fulminan o pouco que queda, motivo polo cal a troita autóctona ou o salmón non acadan de recuperarse nos nosos ríos:



A punto de botarse a voar... unha garza dos Açores

Semella que ás veces botámoslle a culpa a quen menos a ten...

Ningún comentario:

Publicar un comentario